O Noia Harp Fest comezou ao ritmo dunha estrea mundial e de 22 estudantes de arpa

A 13a edición do Noia Harp Fest comezou este mércores no Coliseo Noela de Noia co concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos. Un concerto no que tivo lugar a estrea mundial da obra Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey, gañador do IV Premio Internacional de Composición Portus Apostoli.
A 13a edición do Noia Harp Fest comezou este mércores no Coliseo Noela de Noia co concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos. Un concerto no que tivo lugar a estrea mundial da obra Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey, gañador do IV Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A obra gañadora do certame foi interpretada polo arpista José Antonio Domené como solista. Ademais da estrea, a Real Filharmonía de Galicia tamén interpretou obras de Pietro Mascagni, Edvard Grieg, Mario Castelnuovo-Tedesco e Arnold Schoenberg. O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra ata este domingo, 1 de agosto, continuou este xoves no Liceo de Noia co V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que reuniu 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes do Mayeusis de Vigo, do Conservatorio de Torroso de Mos, das Escolas Municipais de Música de Santiago e da ETRAD de Vigo. Como colofón, ofreceron un concerto con actuacións individuais e unha obra conxunta dirixida pola figura internacional Maeve Gilchrist. A sesión nocturna trasladarase ao Teatro Coliseo Noela, onde ás 21.00 horas terá lugar a estrea do proxecto exclusivo da arpista Beatriz Martínez e a artista sonora e DJ viguesa Acacia Ojea. Posteriormente, será a quenda da escocesa Maeve Gilchrist, solista de referencia a nivel internacional, recoñecida por revolucionar a arpa celta mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación. Na xornada deste venres 31 de xullo o festival ofrecerá tres propostas moi diversas en diferentes espazos da vila, para amosar as múltiples posibilidades do instrumento: desde a recuperación da arpa gaélica do século XVII ata a canción de autor galega ou mesmo o jazz de referencia internacional. Os tres concertos deste venres 31 serán de entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos. A programación comezará ás 19.00 horas na igrexa de Santa María A Nova, coa actuación da irlandesa Siobhán Armstrong, recoñecida internacionalmente como a maior autoridade na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal. A partir das 21.00 horas, a actividade trasladarase ao Teatro Coliseo Noela, unha das sedes centrais do evento, para estrear outra das producións exclusivas desta 13a edición do Noia Harp Fest: o concerto que a Banda do NHF ofrecerá con Su Garrido Pombo, unha das autoras máis orixinais da música galega das últimas décadas. A propia cantautora interpretará en directo algúns dos seus temas máis coñecidos acompañada por dez arpas, con arranxos escritos expresamente para a ocasión por Rodrigo Romaní nos que dialogan recursos acústicos e electrónicos. Finalmente, contra as 22.00 horas, subirase ao mesmo escenario Park Stickney co seu trío Gustaf, Frederick & Isabel, formado xunto á saxofonista Araxi Karnusian e o baixista Björn Meyer. Formado na Juilliard School e doutorado polo Trinity Laban, Stickney é un dos arpistas máis influíntes do panorama internacional, célebre por revolucionar o papel do instrumento no jazz, ser pioneiro na arpa electroacústica e docente na Royal Academy of Music de Londres.
This is a summary. Read the full article at the original source.
Read full article at elcorreogallego
