«Precisamos que máis mulleres envíen directamente os seus manuscritos»

A incorporación de novas autorías, potenciando moi especialmente o talento feminino e procurando un maior equilibrio entre os xéneros literarios, así como unha firme aposta por crear e manter masa lectora en galego entre a xuventude, sen esquecerse da tradución como unha importante ferramenta para enriquecer o diálogo entre os distintos sistemas literarios máis alá das fronteiras de Galicia. Sopran ventos de cambio en Galaxia. Nas novas oficinas, situadas en Travesía de Vigo, tras a súa presentación oficial por parte do presidente de Galaxia, Antón Vidal, e do director da casa editora, Marcos Calveiro, a tradutora, investigadora e escritora Tamara Andrés (Combarro, 1992) aborda polo miúdo o reto profesional que supón para ela asumir a dirección de Edicións de Galaxia, converténdose así na primeira muller que toma posesión do dito cargo nos 75 anos de vida da sociedade.
A incorporación de novas autorías, potenciando moi especialmente o talento feminino e procurando un maior equilibrio entre os xéneros literarios, así como unha firme aposta por crear e manter masa lectora en galego entre a xuventude, sen esquecerse da tradución como unha importante ferramenta para enriquecer o diálogo entre os distintos sistemas literarios máis alá das fronteiras de Galicia. Sopran ventos de cambio en Galaxia. Nas novas oficinas, situadas en Travesía de Vigo, tras a súa presentación oficial por parte do presidente de Galaxia, Antón Vidal, e do director da casa editora, Marcos Calveiro, a tradutora, investigadora e escritora Tamara Andrés (Combarro, 1992) aborda polo miúdo o reto profesional que supón para ela asumir a dirección de Edicións de Galaxia, converténdose así na primeira muller que toma posesión do dito cargo nos 75 anos de vida da sociedade. -Como afronta a responsabilidade de situarse ante a dirección de Edicións de Galaxia? -Pois, precisamente, con moita responsabilidade e con moita honra, coa idea de continuar co catálogo de mulleres como Cynthia Menéndez, Nerea Pallares, Carmen V. Valiña, Antía Yáñez... Temos aí un potencial femenino que considero que hai que seguir canalizando, penso que é moi importante. Antes as mulleres case non estaban representadas na literatura e agora o que noto é que realmente hai que ter en conta que a masa lectora é fundamentalmente feminina, polo que estas mulleres reflicten a forma de facer, as necesidades, as preocupacións, temáticas diferentes. Non me gusta dicir que hai literatura de muller ou de home, pero si que é certo que puxeron sobre a mesa temáticas, estilos e posibilidades que até o de agora non estaban representadas e que está visto, porque os números así o demostran, que son do interese desa masa lectora, que é fundamentalmente feminina. Por outra banda, tamén asumo a dirección coa idea de incorporar novas autorías a ese mesmo catálogo, como poetas mulleres, por exemplo, que fan falta. Son algúns dos obxectivos que me marco xa dende o principio. -E co engadido de ser a primeira muller neste cargo. -É certo que son a primeira muller no caso de Galaxia, pero en Galicia xa temos referentes no mundo da edición como Antía Otero ou Dores Tembrás en Apiario, tamén temos a Berta Dávila, é dicir, as mulleres estamos empezando a ocupar por fin un pouco os espazos de poder a nivel comunitario. Penso tamén en Dolores Vilavedra, como presidenta do Consello da Cultura Galega... Por fin empezamos a acceder e a romper ese teito de cristal, o cal espero que siga sendo así, pero si que vexo un cambio social grande neste senso. -Está tamén presente o feito de que fronte a calidade literaria actual e o elevado índice lector en Galicia, as cifras do mercado do libro en galego sitúanse no 7%. Cómpre un esforzo extra por parte das editoras neste senso? -Eu penso que si. Pola experiencia que tiven na docencia, unha experiencia que me demostra que se pode aplicar en xeral, que hai moita rapazada que non fala galego, pero que se ti lles achegas produto en galego onde realmente eles se sintan reflectidos ou que lles poida interesar, eses rapaces e rapazas convértense en galegofalantes, empezan a falar galego máis activamente, polo que penso que a literatura, a cultura, e se cadra un dos casos máis ilustrativos é o da música, si poden facer moito pola normalización da lingua e tamén por que toda esa masa que non fala galego si que pase a facelo. Aí nós temos unha responsabilidade, que é saber conectar con esa rapazada, que igual é un traballo que non está moi feito. -Unha aposta por crear eses novos públicos podería ser unha medida efectiva? -Si, e logo non perdelos. Non chega con publicar infantil e xuvenil dun determinado xénero e logo perder esa masa lectora. Esta é unha teima persoal, pero vexo, por exemplo, que no ámbito xuvenil, a poesía desaparece. Un rapaz que medra lendo poesía ou álbum ilustrado, logo perde por completo certos xéneros na adolescencia, polo que penso que temos que apostar aí para que se sigan mantendo, porque chega un momento no que hai unha brecha na que eses rapaces van case sempre cara o castelán, a buscar produtos que faltan en galego. Outra medida penso que tamén podería ser recorrer á tradución dese tipo de sagas que lles esperta interese. -Nos últimos anos dirixiu a colección de poesía Dombate, é tamén un xénero no que cómpre aumentar a presenza das mulleres? -Totalmente. As claves para min, de feito, están en equilibrar os xéneros. É certo que en narrativa sobresaen un pouco, pero a min gusríame incentivar un pouco máis o número de poemarios, aumentar as cifras de Dombate. O ano pasado xa publicamos varias mulleres e acabamos de lanzar «Alaska», de Castillo Suárez. Galaxia sacou arredor de seis ou sete poemarios o ano pasado e son poucos en relación co horizonte de 100 títulos anuais do catálogo. Paréceme importante que se publique máis poesía, realmente. -E dada a longa tradición poética que existe na comunidade. -Si e coa cantidade de produción poética que hai. Este ano recuperamos o Premio Bouza Brey ou o Victoriano Taibo, polo que son publicacións poéticas que están aseguradas xa para o ano e que teñen o obxectivo precisamente de canalizar toda esa produción, que é vastísima en Galicia. Realmente, hai moitísima xente escribindo poesía. Eu, que normalmente estou en comisións lectoras ou en xurados de premios, podo dicir que os poemarios non baixan dos 70 ou 80 por convocatoria. -Considera que aí existe un nesgo de xénero, non tanto na escrita, senón á hora de presentar os orixinais? -Si, totalmente. Precisamos que máis mulleres envíen directamente os seus manuscritos ás editoriais. Na experiencia que teño no eido da poesía noto que recibo moitas máis propostas de homes que de mulleres. Teño a sensación de que eles se atreven máis a enviar. -A aposta pola tradución será outra das súas liñas de traballo? -Si, gustaríame moito incentivar a tradución para o galego porque penso que é o xeito de que a literatura galega se alimente de todo o que se está escribindo fóra. Especialmente, penso en que a literatura galega dialogue co que se fai en Cataluña, en País Vasco, no interior da península... e tamén que dialoguen as mulleres, que é moi importante, porque sobre todo o que se publica é poesía traducida por homes. Interésame poñer o foco na autoría e na tradución feminina. A este respecto, como comentaba anteriormente, en Dombate acabamos de publicar «Alaska», cunha tradución do éuscaro feita por María Ramos Salgado, unha das poucas persoas que traducen dende o éuscaro para o galego. A tradución é algo que ten que estar presente si ou si, penso que é a maneira de dialogar con outros sitemas literarios e outros xéneros, e é importante establecer ese contacto e ter en conta a posibilidade de que a literatura galega se exporte fóra. -Hai algunha outra meta que lle gustaría cumprir na dirección? -Como punto de partida, gustaríame moito integrar as novas narrativas, os discursos híbridos e tamén ter en conta autorías que non están en Galicia, pescudar o que se fai en galego fóra de Galicia. Pero, sobre todo, ter en conta eses novos xéneros que non están tan encadrados.
This is a summary. Read the full article at the original source.
Read full article at farodevigo_es
